O CD Arenteiro levouse un trepidante derbi

O CD Arenteiro reatopouse coa vitoria logo de catro xornadas seguidas empatando tras levarse no treito final un intenso derbi que tivo de todo. Entre elo susto incluido polo que Amin tivo que ser retirado en ambulancia pero, por sorte, semella que todo quedou nun susto.

E con susto, neste caso deportivo, comezaba o encontro para os do Carballiño, pois poucos minutos de xogo transcorreran cando o colexiado sinalaba penalti sobre Varo e Rubén Durán collía o balón para lanzar desde os 11 metros. O capitán da Unión Deportiva Ourense lanzaba á esquerda de Diego, pero éste acertaba a traxectoria e facía o que luminoso non se movera.

Pero o destino quería que Durán tivera oportunidade de revancha, e no minuto 29 repetiuse situación, pero con distinto resultado: o local disparaba á esquerda do visitante, neste caso cun lanzamento moito máis axustado ó pao, e facía o 1-0 para os locais.

Pouco durou a ledicia nas filas do ourensáns, pois un soberbio testarazo de Portela ó saque dunha falta só un par de minutos despois levaba de novo as táboas ó Couto; táboas coas que se chegaría ó final dos primeiros 45 minutos.

No segundo periodo o partido seguiu intenso e igualado, o propio para un derbi, e con dous equipos que o deron todo en busca dos tres puntos. Desta volta, a cara caeu do lado visitante, pois os de Fran Justo foron os vencedores grazas ó doblete de Javi Pazos, que facía o 1-2 no 81´ e sentenciaba xa no engadido cun tanto de penalti.

Tamén vencía, e xa se codea cos favoritos, o CD Barco, que encadea o seu terceiro triunfo seguido. Os de Manolo Pérez comezaron moi forte e nun gran inicio xa vencían por 2-0 no minuto 13 grazas ós goles de Antonio Vera e Juanito Bazo. Os de Valdeorras tiraron de oficio e experiencia para xogar co marcador e, a pesar de que David Álvarez vía cómo o meta visitante lle paraba unha pena máxima, os tres puntos quedarían na casa.

E na casa tamén quedarían no Morrazo, aínda que neste caso en contra dos intereses ourensáns. O Ourense CF vía cómo non era quen de manter a vantaxe que lle dera o tanto de Jesús Braganza no minuto 46. O Alondras igualaba de penalti no 68´e nos últimos minutos, unha vez máis, os de Rubén vían cómo se lles escapaba o punto que tiñan no seu poder ó chegar o segundo tanto local.

ASÍ O VIRON OS ADESTRADORES

Fran Justo: “Boa e importante vitoria ante un bo rival nun campo difícil.”

Fernando Currás: “Resultado demasiado esaxerado polo visto no terreo de xogo, moi pouco que reprochar ós meus futbolistas… felicitar ó rival e nós a seguir mellorando.”

Manolo Pérez: “A eficacia no inicio do partido marcou a diferencia.”

Rubén Domínguez: “Xogamos un partido moi trabado, e non fomos capaces de gardar a ventaxa”