O CD Arenteiro reafírmase no liderato tras levarse o derbi

O CD Arenteiro reafirma o seu bo momento de xogo e resultados e afiánzase no máis alto da táboa logo de levarse por 0-2 o derbi ante o Ourense CF.

O encontro púxose moi pronto de cara logo de que Álex Fernández cabeceara no minuto 6 ó fondo da rede unha falta botada por Renan para facer o 0-1,

A reacción local non se fixo esperar e Cassio tivo nas súas botas o empate nun remate que desviou Diego e que posteriormente golpeou no pao. A partir de ahí os do Carballiño volvéronse sólidos e conseguiron conservar a vantaxe ata o descanso.

Tralo paso por vestiarios o Arenteiro faría moi pronto o 0-2 nun disparo cruzado de Víctor Eimil. A partir de aquí o encontro quedou sentenciado grazas ó bo facer dos de Fran Justo, que non lle deron opcións ó seu rival de meterse no encontro.

O domingo era o turno de recuperar partido aprazado para a UD Ourense, que visitaba A Lomba para medirse ó Arosa SC. A pesar do que di o resultado final (2-0) os de Fernando Currás deron boa imaxe, pero dous graves erros puntuais priváronos de puntuar e de continuar coa boa xeira de resultados.

Pódese dicir que na primeira media hora, sen destacar grandes ocasións, os mellores achegamentos foron visitantes. Torceuse todo no último cuarto de hora deste periodo, cando chegaron os dous tantos locais tras sendos erros defensivos ourensáns.

Na segunda parte o cadro de Currás non lle perdeu a cara ó partido, pero xa era tarde para tratar de darlle a volta a un marcador desfavorable ante un dos favoritos e cadros máis fortes da categoría.

ASÍ O VIRON OS ADESTRADORES:

Fran Justo: “Vitoria xusta e merecida nun partido no que tanto o equipo como os xogadores, se souberon adaptar á perfección ó contexto de partido que se deu, nun día moi difícil e desapacible”.

Rubén Domínguez: “Custounos adaptarnos ó campo e ás circunstancias do encontro; será unha aprendizaxe para o futuro”

Fernando Currás: “Partido moito máis parexo do que poda decir o resultado; dous erros déronlle unha vantaxe ó Arosa que non fomos capaces de remontar pese a intentalo”