Dúas de cal e dúas de area na xornada de 3ªDivisión

Xornada con sorte e sabor dispares para os nosos representantes na 3ªDivisión. CD Arenteiro e UD Ourense acadaron dous importantes triunfos, mentres que CD Barco e Ourense CF caeron derrotados.

Con autoridade venceu o conxunto do Carballiño na saída ó sempre complicado campo do Alondras CF nun partido moi serio dos de Fran Justo, que xa encarrilaron os tres puntos moi cedo.

No minuto 9 Víctor Eimil poñíaos por diante, e menos de dez minutos despois un Sylla que continúa en estado de gracia facía o 0-2 para poñer terra de por medio e chegar con ese resultado ó descanso. No segundo periodo o CD Arenteiro non quixo sustos, e se ben o Alondras foi quen de recurtar distancias, o tanto local chegaría xa no tempo de engadido.

A UD Ourense precisaba sumar os tres puntos ante o Ribadumia no Couto, e non fallou. Os de Fernando Currás realizaron un partido moi serio ante un bo cadro visitante. Amin facía o 1-0 pasada a media hora de xogo, e con ese resultado se chegaba ó intermedio. No segundo periodo os locais non quixeron sustos e sentenciaron o encontro co 2-0 de outro ariete, neste caso un Hugo García que saiu desde o banco para definir de xeito maxistral o man a man co meta rival.

A cara mala da moeda chegou para os outros dous representantes. Un CD Barco que xogou en inferioridade numérica ante o Rápido de Bouzas desde o minuto 45 pola expulsión de Diego De Pedro viu como, despois dunha segunda metade de traballo en inferioridade, os puntos se escapaban de Calabagueiros cun tanto vigués no último minuto de encontro.

Tampouco tivo o seu día na xornada matinal o Ourense CF na súa visita ó campo do Estradense. Os locais adiantáronse xusto ó fío do descanso nunha xogada rara e con certa polémica, logo de que o meta ourensanista detivera un penalti pero o tiro local no rexeite dera no longueiro e botara dentro nunha gol pantasma que o auxiliar considerou que superara a liña. Na segunda metade un cadro local que chegaba necesitado a este encontro facía o que á postre sería o definitivo 2-0.

Para rematar, lembramos que non vos podedes despistar, pois polo medio da semana hai partidos aprazados, co derbi CD Barco – UD Ourense incluido.

ASÍ O VIRON OS ADESTRADORES:

Fran Justo (CD Arenteiro): “Golpe na mesa dos xogadores, nun dos campos más complicados da categoría. Vitoria merecida e xusta nun partido controlado de principio a fin”.

Fernando Currás (UD Ourense): “Partido moi serio donde creo que fixemos méritos suficientes para gañar”.

Manolo Pérez (CD Barco): “Escapóusenos un punto ó final despois dun bo traballo, en inferioridade numérica, toda a segunda parte”.

Rubén Domínguez (Ourense CF): “Os últimos 5 minutos da 1ª parte desdibuxáronnos”