Ourense CF e Arenteiro leváronse uns derbis con moitos goles; mañá, nova xornada

Con moitos goles e emoción se viviron os derbis do pasado sábado. Ás 16:30 comezaba o derbi de Espiñedo e moi pronto se adiantaba o CD Barco grazas ó gol de Juanito Bazo. Sylla igualaba moi pronto o partido, pero de novo os de Valdeorras se adiantarían no marcador grazas ó 1-2, obra de Vera; con este resultado chegaríase ó descanso.

Tralo paso por vestiarios os de Fran Justo deron un paso adiante e Renan igualaba no minuto 49. Partido intenso no que os do Carballiño tomarían vantaxe por primeira vez no partido grazas ó gol de Javi Pazos no minuto 61 e que sentenciaría Rubén Arce no tempo engadido.

Case sen tempo para asimilar o partido do sábado, mañá chega unha nova xornada: o Arenteiro visitará ás 16:15 ó Pontellas, pechacancelas, mentres que o Barco recibirá en Calabagueiros ó Ourense CF para vivir un novo derbi provincial a partir das 17:00 horas.

Precisamente o Ourense CF foi o vencedor no derbi da cidade. Tras un primeiro tempo sen goles, os locais adiantábanse no minuto 57 grazas ó tanto do ex da UD Ourense, Josu. Só un par de minutos despois, poñíase o partido máis de cara para os locais trala expulsión do visitante Champi, e aínda máis no minuto 70 grazas ó 2-0, obra de Sanchís.

Neste intre os de Currás tiraron de orgullo e recurtaron distancias grazas ó tanto de Hugo tras un bo remate no 74´, pero o 3-1, obra de Borja Domingo no minuto 81, pechaba definitivamente encontro.

Na xornada de mañá, a UD Ourense recibe ó CD Choco a partir das 17:00 horas, no que será un encontro moi compricado ante un rival que só perdeu un partido pero no que os locais deben recuperar as boas sensacións.

Falamos cos adestradores sobre a xornada do sábado e a de mañá:

Fran Justo: “Vitoria xusta nun vibrante partido” “Mañá, a tratar de que teñan máis valor estas dúas vitorias consecutivas, se somos capaces de volver a gañar”

Manolo Pérez: “Con pouco marxe de tempo temos que recuperarnos e tratar de volver a gañar”

Rubén Domínguez: “Dominamos os momentos claves do partido” “Agardamos poder facer un 10 de 15”

Fernando Currás: “Partido malo pola nosa parte, aínda que no segundo tempo o intentamos con máis enerxía, a expulsión e os erros non nos permitiron sumar nada. O martes enfrontarémonos a un rival que posiblemente sexa o equipo que máis te somete coa posesión, trataremos de amosar o nivel ofrecido antes do partido do sábado pasado.”